São Pedro de Rates (Póvoa de Varzim)



















Esta igrexa pertence a orde de San Bento e polo tanto sigue a directrices de Cluny en Borgoña. Isto motiva a súas similitudes con outras igrexas beneditinas peninsulares dada a importante expansión da orde naquel tempo.

A igrexa de Rates pasou por diferentes etapas construtivas entre 1096 e 1230. Actualmente, e aínda sen ser avisados, notamos que a ábsida non pertence aos tempos antigos pois a pesar da súa notable execución trátase dunha reconstrución levada a cabo no século XX polo arquitecto Rogério de Acevedo. Nesta cabeceira o diferente ton da pedra, a labra das súas caras así como a maior precisión coa que foron esculpidos algún dos seus ornamentos rapidamente nos poñen na pista. Non por iso debemos criticar o labor de reconstrución feito xa que se respetou o trazado orixinal e todo canto engadido se fixo foi ben estudado. Por outra banda esta nova reconstrución inclúe numerosos elementos orixinais tales coma frisos, cornisas e capiteis. Doutro xeito estaríamos nestes momentos fronte a unha igrexa medio derruída polo que a reconstrución debera ser ben aceptada.

A igrexa consta de tres naves ás que corresponden tres capelas na ábsida. A súa principal etapa construtiva corresponde ao momento no que os monarcas portugueses a doaron ao priorado cluniacense de La Charité-sur-Loire. Houbo un primeiro templo do cal se foron re aproveitando elementos que hoxe podemos facilmente ver re utilizados en diferentes partes.

A capela principal (capela-mor) presenta os capiteis máis antigos. A presenza de aves simétricas e outros motivos animais indican a influencia de Borgoña.

No exterior podemos ver a fachada principal que se divide en tres partes seguindo modelos borgoñeses. Neses modelos os laterais son máis baixos e o central máis alto a vez que actúan contrafortes.

Entre 1200 e 1230 trabállase con interese nesta igrexa algo que percibimos na forma en como se re aproveitan materiais antigos. Entre os traballos levados a cabo salientar a construción dos últimos arcos setentrionais e a fachada que foi desmontada e volta a levantar, algo que se percebe no feito de que o actual portal recolle elementos que non son coherentes. Naves, transepto e cruceiro divídense utilizando arcos-diafragma tal e como se pode ver en moitos edificios benedicitiños.

Na fachada sur ábrese o portal destinado a xente. Mostra unha gran carga simbólica. Nela destaca un Agnus Dei incompleto debido tamén as desmontaxes que sufriu a igrexa. Si nos fixamos na parte interior do seu dintel observaremos dúas serpes que se entrelazan. Estas mesmas serpes aparecen tamén no dintel do portal principal.

Na portada principal mostra a Cristo na gloria que Carlos Ferreira de Almeida sitúa no Salmo 110 para a súa mellor comprensión. Dado que o tímpano estaba preparado para unha portada de menores dimensións, agora apréciase como a súa colocación está forzada.

Como chegar

A igrexa de San Pedro de Rates atópase moi cerca de Póvoa de Varzím. Tanto se viaxamos pola A28 coma pola A3 debemos tomar a A7 para tomar a saída 2 ou a saída 3 en función da dirección da que veñamos. Unha vez saímos da autopista, chegar e moi sinxelo pois atópase sinalada na estrada N206 con moi bo acceso.

Consello: Si vamos a visitar esta igrexa non podemos deixar pasar por alto que moi cerca está a igrexa de Rio Mau e que tamén debemos visitar. Para atopala dirixímonos ao pobo de Rio Mau e saímos da estrada ao ver un letreiro que pon S. Cristóvao (Sao Cristóvao de Rio Mau sería o seu nome completo). Unha vez collemos esa dirección chegaremos a igrexa a uns 500 m. Dado que o normal é que se atope pechada debemos saber que na casa que está mesmo ao lado teñen a chave e moi amablemente proceden a abrila.

São Cristovão de Rio Mau (Vila do Conde)

















Esta igrexa foi construída entre 1151 e 1200. Nunha rápida observación do interior decatámonos do contraste existente entre a capela principal e a nave. Hai unha falta de coherencia entre ambos espazos en canto ás formas decorativas. Salientase a capela moi ben decorada baixo unha bóveda de canón fronte a unha nave demasiado simple. Isto sitúanos na pista de que esta igrexa comezou a ser construída pola capela principal pero que o plano foi mudado radicalmente para rematar o resto.

No exterior podemos adiviñar xa que se trata de unha igrexa de nave única con capela principal engadida con forma rectangular. A portada principal mostra a S. Augustiño. No portal norte podemos ver o combate entre un grifo e un dragón. A capela principal está considerada unha das obras máis interesantes do románico en Portugal. Chama a nosa atención o volume dos capiteis nos que destacan os de temática vexetal por presentar unas dimensións enormes en comparación co tamaño da capela.


Sé Velha de Coimbra








Aínda que este blog ten como ámbito xeográfico o espazo que vai entre as cuncas do Miño e Douro vou a incluír a Sé de Coimbra pola súa importancia e interese. Atópase no centro mesmo da cidade que hoxe conserva a súa estrutura medieval.

Actualmente Coimbra dispón de dúas catedrais, a Sé Velha de estilo románico e a Sé Nova de estilo barroco con claras influencias flamencas. A Sé Velha foi construída entre os anos 1129 e 1220. O primeiro que nos vai a chamar a atención e o aspecto da súa fachada pois mistura ao mesmo tempo elementos dun castelo-fortaleza cos dunha igrexa. Mostra na fachada un corpo central saínte en forma de torre que acolle a porta principal de entrada e que parece ter unha duplicidade na súa cima pois a ventá alí situada enmárcase tamén por columnas e arquivoltas. Ten afinidades moi claras cos inicios construtivos da catedral de Ávila e a igrexa de San Vicente. Na documentación que se conserva aparecen como responsables da súa construción os mestres Bernardo, Soerio e Roberto de Lisboa. A igrexa dispón de tres naves que se dividen en cinco tramos. O transepto apenas aparece remarcado. A cabeceira dispón de tres capelas semicirculares pero que son de diferentes tamaños debido a transformacións habidas nunha delas. Como sucede na catedral de Santiago, unha tribuna recorre o segundo andar.