S. Xulián de Astureses (Boborás, Ourense)







Portada Norte


Esta igrexa do concello de Boborás data de 1164 segundo unha inscrición detrás do retábulo principal. A súa planta é de cruz latina de nave única con contrafortes que saen pouco ao exterior polo que dan a impresión de ser piares. A cabeceira mostra tres ábsides con decoración vexetal, animal e xeométrica. Os animais dos canzorros teñen libros, instrumentos musicais etc. A portada principal ten unha triple arquivolta con tres pares de columnas con capiteis con decoracións vexetais e un deles con un par de pombas enfrontadas. O seu tímpano mostra unha Cruz Patriarcal nun circulo sobre a clave. Toda ela está enmarcada por dous contrafortes ao estilo doutras que xa vimos como a Orada en Melgaço ou San Pedro de A Mezquita tamén en Ourense. Por riba da portada érguese un tejaroz apoiado sobre cinco canzorros. A porta norte é alta e estreita con un tímpano apoiado sobre mochetas lisas. O seu arco é de medio punto con decoración vexetal e xeométrica. Toda a igrexa mostra unha incipiente transición ao gótico. No seu interior ten un teito de madeira a dúas augas en substitución dunha bóveda de medio canón. Presenta así mesmo un arco triunfal con baquetón e faixa axedrezada.

Sin moita fundamentación foi esta igrexa relacionada coa orde do Temple cando en realidade coa que estivo relacionada foi coa Orde do Santo Sepulcro. Na metade do século XV estivo a fronte dunha importante Encomenda pero ao desaparecer esta última orde pasou a depender da Encomenda de Pazos de Arenteiro. É monumento histórico artístico desde 1946.

4 comentarios:

Gonzo dijo...

Estimado Javier, antes de nada, darte a noraboa por este regalo cultural que colgas na rede, por otra parte, dicirche que esta abraiante igrexa de Astureses é templaria non só polos símbolos da porta norte, senón que Carlos Pereira, estudioso do Temple en Galicia así o mantén:
San Xulián de Astureses, no concello de Boborás, parece que pertenceu primeiro ós templarios
e logo da desaparición da Orde foi incorporada á Orde de San Xoán. Non imos facer
unha descrición da igrexa; só mencionar que, aparte de diversas cruces de tipo templario,
consérvase unha inscrición que di:
OBIIT : FRAT : IOHES : PET :
DOUTEIRO : SUB : ERA :
M : CCC : XX: IIII: III: NO
NAS : AUGUSTI :
Este lugar, Outeiro, pertence á parroquia de Astureses.
Samuel Eiján contradí a Vázquez Núñez, xa que afirma que existe documentación que relaciona
Astureses coa Orde do Santo Sepulcro, pero, dado que esta é do século XV, admite a
posibilidade de que pasara, logo da disolución do Temple, ós sepulcristas.http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures3.pdf. Sen máis unha forte aperta, e grazas polo teu traballo.

Javier dijo...

Ola Gonzo

Moitas grazas polo teu comentario e a riqueza da súa información. Como ben podes entender, o blog trata de facer un sinxelo achegamento a todo este patrimonio as veces mal coñecido. Non pretende ser unha especie de enciclopedia polo que, coma tantas veces acontece na internet, a imaxen prevalece sobre a información a pesar de dispor da mesma. Só nalgúns casos de persoal interese extendinme un pouco máis nas explicacións. Aínda teño pendente a visita a alguhnas igrexas máis que espero visitar en canto me sexa posible.

Un saúdo

Gonzo dijo...

Prezado Javier; Traballos coma o teu axudan a que os galego/as vaiamos abraiándonos co noso patrimonio artístico e coa nosa historia, no noso caso, blogs como o teu son unha ferramenta extraordinaria de traballo para a nosa metodoloxía de investigación. Dende a http://anosahistoria.blogspot.com/, queremos aproveitar para solicitarvos a utilización dalgunha das vosas fotos no noso blog, con enlace ao voso, por suposto. Máis nada, unha forte aperta

Javier dijo...

Ola Gonzo, por suposto que podedes enlazar e levar as fotos ao voso blog. Para o tema de Portugal aconsello facerse co libro "O Românico" Edit. Presença, de Carlos Alberto Ferreira de Almeida. Moi fácil de atopar. Posiblemente a persoa que mellor coñecía este estilo na outra bacia do Miño. Tiven ocasión de coñecelo uns anos antes da súa triste morte. Moitas das observacións que fago nas igrexas portuguesas, e incluso dalgunha galega, proceden da súa sabedoria.