Catedral de Tui (Pontevedra)




Sala Capitular do S. XII








Dominando o paso do Miño aparece a silueta desta catedral, edificación fundamental para comprender o románico da zona comprendida entre o rio Miño e o rio Lima (en Portugal) xa que esta área formou parte da diocese de Tui ata 1378. Tratábase dunha extensión xeográfica que presentaba unha unidade económica e social que se mantivo ata finais da Idade Media. A influencia das esculturas románicas desta catedral vanse espallar por todas a igrexas e capelas desta área como podemos observar en Sanfins de Friestas, Ganfei, Longos Vales ou Sta María de Tomiño. A planta da catedral é de cruz latina, basicamente románica do século XII e foi rematada xa en estilo gótico. Os capiteis son o elemento decorativo máis salientable e neles podemos ver esceas da Epifanía, demos e toda a iconografía do bestiario medieval. Dentro deste conxunto ter unha importancia esencial a Sala Capitular románica do século XII.

Sta María de Tomiño (Pontevedra)







Moi cerca da localidade pontevedresa de Tomiño e a escasos metros que nos desviemos da estrada que atravesa a vila, seguindo o indicador que vemos nela, chegamos a esta igrexa románica, posiblemente a máis interesante desta provincia. Nunha primeira apreciación exterior observamos que ten unha nave a que se lle engade unha cabeceira rectangular o cal confirmaremos de novo no seu interior. Antes de entrar fixámonos na súa fermosa portada que mostra catro arquivoltas apoiadas en sendas columnas que rematan en capiteis vexetais con volutas. Tamén podemos ver outros elementos ornamentais coma rosetas e molduras nos arquiños. No seu interior destaca un arco triunfal con dúas arquivoltas. Os capiteis desta igrexa teñen unha relación moi directa cos que podemos ver na Catedral de Tui pois non en van dependía desa diócese. O mesmo acontece si os comparamos cos doutras igrexas da cunca portuguesa do Miño coma Sanfins de Friestas ou Longos Vales pois tamén estas igrexas pertenceron a Tui ata 1378.