São Pedro de Rates (Póvoa de Varzim)



















Esta igrexa pertence a orde de San Bento e polo tanto sigue a directrices de Cluny en Borgoña. Isto motiva a súas similitudes con outras igrexas beneditinas peninsulares dada a importante expansión da orde naquel tempo.

A igrexa de Rates pasou por diferentes etapas construtivas entre 1096 e 1230. Actualmente, e aínda sen ser avisados, notamos que a ábsida non pertence aos tempos antigos pois a pesar da súa notable execución trátase dunha reconstrución levada a cabo no século XX polo arquitecto Rogério de Acevedo. Nesta cabeceira o diferente ton da pedra, a labra das súas caras así como a maior precisión coa que foron esculpidos algún dos seus ornamentos rapidamente nos poñen na pista. Non por iso debemos criticar o labor de reconstrución feito xa que se respetou o trazado orixinal e todo canto engadido se fixo foi ben estudado. Por outra banda esta nova reconstrución inclúe numerosos elementos orixinais tales coma frisos, cornisas e capiteis. Doutro xeito estaríamos nestes momentos fronte a unha igrexa medio derruída polo que a reconstrución debera ser ben aceptada.

A igrexa consta de tres naves ás que corresponden tres capelas na ábsida. A súa principal etapa construtiva corresponde ao momento no que os monarcas portugueses a doaron ao priorado cluniacense de La Charité-sur-Loire. Houbo un primeiro templo do cal se foron re aproveitando elementos que hoxe podemos facilmente ver re utilizados en diferentes partes.

A capela principal (capela-mor) presenta os capiteis máis antigos. A presenza de aves simétricas e outros motivos animais indican a influencia de Borgoña.

No exterior podemos ver a fachada principal que se divide en tres partes seguindo modelos borgoñeses. Neses modelos os laterais son máis baixos e o central máis alto a vez que actúan contrafortes.

Entre 1200 e 1230 trabállase con interese nesta igrexa algo que percibimos na forma en como se re aproveitan materiais antigos. Entre os traballos levados a cabo salientar a construción dos últimos arcos setentrionais e a fachada que foi desmontada e volta a levantar, algo que se percebe no feito de que o actual portal recolle elementos que non son coherentes. Naves, transepto e cruceiro divídense utilizando arcos-diafragma tal e como se pode ver en moitos edificios benedicitiños.

Na fachada sur ábrese o portal destinado a xente. Mostra unha gran carga simbólica. Nela destaca un Agnus Dei incompleto debido tamén as desmontaxes que sufriu a igrexa. Si nos fixamos na parte interior do seu dintel observaremos dúas serpes que se entrelazan. Estas mesmas serpes aparecen tamén no dintel do portal principal.

Na portada principal mostra a Cristo na gloria que Carlos Ferreira de Almeida sitúa no Salmo 110 para a súa mellor comprensión. Dado que o tímpano estaba preparado para unha portada de menores dimensións, agora apréciase como a súa colocación está forzada.

Como chegar

A igrexa de San Pedro de Rates atópase moi cerca de Póvoa de Varzím. Tanto se viaxamos pola A28 coma pola A3 debemos tomar a A7 para tomar a saída 2 ou a saída 3 en función da dirección da que veñamos. Unha vez saímos da autopista, chegar e moi sinxelo pois atópase sinalada na estrada N206 con moi bo acceso.

Consello: Si vamos a visitar esta igrexa non podemos deixar pasar por alto que moi cerca está a igrexa de Rio Mau e que tamén debemos visitar. Para atopala dirixímonos ao pobo de Rio Mau e saímos da estrada ao ver un letreiro que pon S. Cristóvao (Sao Cristóvao de Rio Mau sería o seu nome completo). Unha vez collemos esa dirección chegaremos a igrexa a uns 500 m. Dado que o normal é que se atope pechada debemos saber que na casa que está mesmo ao lado teñen a chave e moi amablemente proceden a abrila.